Serxio González Riveiro, de 42 anos, natural de Vilagarcía de Arousa e en cadeira de rodas desde os 22 anos, gaña o Terceiro Sorteo Bono Iacobus da Sección Paralela (O Camiño) do Festival Internacional de Animación Online, cun video sobre a súa peregrinación de 900 kilómetros, dende Roncesvalles ata Fisterra, realizada no 2008.
O gañador, casado e con tres fillos, gozará dunha semana para dúas persoas en casas de turismo rural de Galicia, sitas no Camiño Portugués ou na Vía da Prata. O autor-pelegrín, que goza dun excelente sentido do humor, convertiu a peregrinación en reto persoal de superación e fíxoa cadrar co Ano Internacional do Discapacitado .
O Festival Animacam.tv, para animar o Camiño de Santiago, coa Sección Paralela “O Camiño”, pretende crear unha hemeroteca, fototeca e videoteca virtual dirixida a aqueles turistas e pelegríns que realizasen ou realizen o Camiño de Santiago.
Para incentivar a participación, o Festival, cos patrocinios de Turgalicia e Xacobeo, sortea dende xuño ata setembro, catro BONO IACOBUS dunha semana para dúas persoas en casas de turismo rural de Galicia, a escoller polo gañador entre o Camiño Portugués ou o da Vía da Prata.
O afortunado do terceiro sorteo que tivo lugar na sede do Festival esta mañá, 17 de agosto de 2009 ás 09.00 horas, foi o devandito Serxio González Riveiro, aportando unha montaxe audiovisual en video baixo o título “ETAPAS DO CAMIÑO DE SANTIAGO FEITAS POR SERPEREGRINO EN CADEIRA DE RODAS”, coa cal amosa a súa visión persoal da peregrinación a Compostela.
Con esta acción da Sección Paralela, ademáis da Sección Oficial cos filmes a competición, Animacam transmite a súa vocación de vínculo intercultural e divulgador do respecto á diversidade de pensamentos e culturas, a través dunha experiencia que reúne a centos de milleiros de pelegríns, turistas e internautas de todo o mundo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario