20 de agosto de 2009

Serxio González: o camiño sobre rodas

O terceiro gañador do Sorteo Bono Iacobus da Sección Paralela O Camiño do Festival Animacam.tv, Serxio González, non para de compartillar a súa experiencia no Camiño de Santiago, que realizou en 2003, repetindo en 2008.

Nada máis e nada menos que 900 kilómetros en cadeira de rodas que comezou cun amigo dende Roncesvalles e rematou pola súa propia conta. Este pelegrín, que dende os 22 anos está en cadeira de rodas, embarcouse na experiencia da peregrinación como vía de escape e disfrute persoal e anima tanto a persoas que se atopan na súa situación, como aquelas que non, a que realicen a mesma experiencia, xa que lle resultou gratificante e satisfactoria. Diferentes medios de comunicación como La Voz de Galicia, Faro de Vigo ou ABC, recolleron a súa aventura nas súas páxinas.

Esta mañá, mentres gozaba das súas vacacións en Valencia (confesounos que ía disfrutar do Gran Premio de Fórmula 1), realizou dúas entrevistas a dúas radios: a primeira, ás 10.15 da mañá para "Voces de Compostela", programa de Radio Voz, na cal compartiu as súas impresións con Xosé Luis Carneiro, director de Animacam.tv, quen aproveitou para felicitar e agradecer a súa participación ao premiado e informar acerca das actividades levadas a cabo polo Festival.
Ás 12.45, OID Radio (da Organización de Integración del Discapacitado) no programa conducido por Agustín Torres "De buena mañana" dende Talavera de la Reina, expresou o seu agradecemento tanto a Animacam coma a Turgalicia, patrocinador do festival, e explicou a súa paixón e gusto pola fotografía e video creación.

Este pelegrín, cun amplísimo sentido do humor e unha amabilidade exquisita, conta con repetir a travesía: aínda que recoñece que moitos dos tramos non son accesibles e non están adaptados para discapacitados, ten previsto realizar o Camiño de Santiago de novo, pero desta vez, pola Vía da Prata.

No hay comentarios:

Publicar un comentario