30 de abril de 2010

Cinco novas animacións de estrea!

Novamente, este venres ofrecemos en Animacam cinco novas obras de animación que están de estrea nesta Terceira Edición do Festival. Animacam confirma a súa esencia internacional con animacións que chegan dende Francia, Letonia, Reino Unido, Arxentina e España. Autores noveis procedentes de escolas de formación, expertos en efectos especiais en 3D e animadores de flash, neste último venres de abril.

A escola francesa Gobelins continúa a presentar as obras dos seus alumnos en Animacam, empregando a rede como mecanismo de promoción dos traballos dos novos talento. Este venres é a quenda de Un tour manege dirixida por Nicolas ATHANE, Brice CHEVILLARD, Alexis LIDDELL, Françoise LOSITO e Mai NGUYEN. O arxentino Ayar Blasco repite en Animacam presentando unha nova obra en flash: Pesadillas (pesadelos). Dende Letonia, nos chega a participación de Gunar Miksitis, un experto en efectos especiais que crea uns paisaxes únicos e inimaxinables en Saga of Raakvil.
Zhivko Dimitrov
, representando ao Reino Unido, mostra unha obra de ciencia-ficción na que o corpo humano segue a viaxe dun personaxe ficticio en busca de respostas ás preguntas da gran vida. Por último, el español Oihergi Estornes Rivera, un animador novel, nos presenta su ópera prima en flash: El Árbol del Dinero.

29 de abril de 2010

Le Lac Géle

Cun estrano can como guía, un ancián realiza unha longa e intensa viaxe a unha distante e xeada terra iluminada por estranas luces.

De novo, a escola francesa de animación Gobelins, vólvenos deslumbrar cunha animación 2D tradicional, retornando ao mundo onírico e vello cun ilustre e célebre ancián coma protagonista. Dirixida por Jean-David Fabre, Fabien Guillaume, Sébastien Hary, Paul Nivet e Vincent Verniers; Le Lac Géle é unha mostra máis da capacidade excepcional que teñen as futuras xeracións de animadores.

28 de abril de 2010

Amor ao servicio do tren

Unha historia de amor que transcorre nun sitio do máis incómodo- no baño dunha estación de tren.

O experimentadísimo Konstantin Bronzit, presenta unha historia de amor no sitio máis particular: os servicios dunha estación ferroviaria. Nominada ao Oscar coma mellor curtametraxe de animación, esta obra de 2007 ten o título de Lavastory: Lavatory Lovestory. O autor ruso participa tamén nesta Terceira Edición de Animacam coa súa obra At the ends of the Earth. Nacido en Leningrado, en 1965, Konstantin Bronzit é director de cine e de curtametraxes de animación, contando cunha traxectoria imparable e cun alto recoñecemento no panorama audiovisual europeo.

27 de abril de 2010

As aventuras de Papá Noel

Santa atópase cun vello amigo para compartillar algúns agasallos.

Curiosa versión do Nadal e coma Papá Noel (un asiduo visitante da noite do 24 de decembro aos fogares), atópase con numerosos obstáculos que lle impiden chegar ao xa famoso calcetín colgado da chimenea para depositar os seus agasallos. Avi Graiver, experimentado animador israelí, emprega o 2D por ordenador por ilustrar esta comedia do máis peculiar en periodo primaveral: Foxy Santa

26 de abril de 2010

Neggy coñece a Sammy

Había unha vez unha casa ó lado do mar. Unha casa grande. Unha casa grande e estrana. Unha casa grande, estrana e vella. Había unha vez unha casa grande, estrana e vella ó lado do mar.

Unha nova animación galega chega a Animacam. Unha fermosísima historia da man da produtora Sr.Mundo e dirixida por Benjamin Carter. Un proxecto didáctico onde unha historia sobre uns irmáns vai crear momentos emocionantes para nenos e pais á vez! Un proxecto para todos os públicos,que poidan compartir o tempo en familia.

23 de abril de 2010

Venres animado con novas estreas

Unha semana máis, Animacam estrea cinco novas obras na súa web. O Festival Internacional de Animación Online continúa ofrecendo obras de animación de todo o mundo e establecendo un vínculo mundial de animación entre seguidores de debuxos animados e creadores, animadores e produtores da industria.

Esta semana, unha nova obra galega arriva á rede: Neggy coñece a Sammy. Había unha vez unha casa grande, estrana e vella ó lado do mar... Unha obra dramática que emprega diversidade de técnicas para contar a crudeza e o desamparo dunha historia de amor. O israelí Avi Graiver volve a participar en Animacam (tras o seu paso pola I edición), cunha obra en ton de humor e sarcasmo: Foxy Santa. Non sabemos en que fantasías anda metido Papá Noel...

De novo Arxentina continúa a ser unha terra chea de xente animada... Nesta ocasión Ayar Blasco presenta unha obra en Flash, unha comedia acerca do Gatiño Rasbernardo, un auténtico rockstar. A escola francesa Gobelins achéganos unha nova cortiniña para Annecy, chea de fantasía e cunha personaxe do máis pintoresca, estréase en Animacam, Le Lac Géle. Por último, o experimentadísimo Konstantin Bronzit, presenta unha historia de amor no sitio máis particular: os servicios dunha estación ferroviaria. Nominada ao Oscar coma mellor curtametraxe de animación, esta obra de 2003 ten o título de Lavastory: Lavatory Lovestory.

Debuxos animados do mundo a Sandiás e de Sandiás para o mundo

WWW.ANIMACAM.TV 2010
3º EDICIÓN FESTIVAL INTERNACIONAL ANIMACIÓN ONLINE

O Director e Produtor Australiano de Debuxos Animados, Damien Pascoe, autor e realizador, entre outros, do videoclip do rockeiro australiano Tim Rogers, estará nos estudos de Animacam.tv en Sandiás, dende xuño a setembro, para animar unha curta de debuxos animados de distribución internacional. Desta forma, o Festival, nesta 3ª Edición 2010, dá un paso de xigante, co seu xa consabido berro de guerra “camiñando xuntos para animar o mundo”, para converterse, ademais de Festival, en Plataforma de Lanzamento de Proxectos Internacionais de Animación.

Sandiás (Ourense) 23 abril 2010.- A 3º edición do Festival do Cinema de Animación en Internet “Animando o Camiño 2010”, para creadores, fans de debuxos animados e Peregrinos do Camiño de Santiago, ademais do anunciado, ten o triplo obxectivo de pór en competición películas de animación chegadas de todo o mundo, animar a creadores, produtores e escolas de formación de debuxos animados a que participen, e facilitar a Internautas e Peregrinos a creación dunha fototeca e videoteca virtuais do Camiño de Santiago.

“Animacam.tv” naceu o día 23 de xuño de 2008 con vocación de ser vínculo intercontinental que favoreza e divulgue o respecto á diversidade de pensamentos e culturas.

A primeira edición de “Animacam.tv”, de xullo a outubro de 2008, foi visitada por 75.000 internautas e saldouse coa participación nas seccións competitivas de 164 películas de animación procedentes de 33 países.

A Segunda Edición superou as 168.000 visitas. A Sección Oficial do Festival mostrou 313 obras de animación procedentes de 61 países do cinco continentes e votaron as mesmas usuarios rexistrados de 102 países. Na Sección Paralela (O Camiño) foron presentados 138 vídeos e 212 fotografías de 14 países sobre as vivencias, anécdotas e experiencias da peregrinación a Compostela.

A recien estreada 3ª Edición conta xa con 45 películas de 17 países na Sección Oficial e na Paralela (O Camiño) 20 vídeos.

Limaia Produccións S.L., produtora con sede en Sandiás, organizadora de Animacam.tv, pretende así ser punto de encontro entre creadores de debuxos animados e internautas de todo o mundo, como o é o Camiño de Santiago.

Para máis información sobre “Animacam.tv”
http://www.animacam.tv
info@animacam.tv

22 de abril de 2010

A imaxinación en movemento dun Mimo!

Un mundo imaxinario, un refuxio perfecto, non moi lonxano dunha realidade inevitábel...

O arxentino Nahuel Pazos dirixe e anima este vídeo multimedia que emprega unha técnica mixta entre imaxe real e animación 2D por ordenador. Este film producido por Habituario Producciones trata de mostrar a tristeza dun mimo, cando o seu sorriso é case permanente e perenne na súa faciana, mais o que está a acontecer ao seu redor, fai que bágoas frías recorran o seu rostro...

21 de abril de 2010

Le ruban

China, comezos dos anos sesenta: unha masa de xente furiosa persegue a un rico terranente. Mei, unha rapaza entre o xentío, de súpeto descobre que a vítima é o seu amor secreto. Asustada de revelar os seus sentimentos, Mei non sabe que facer.

Nova obra de animación 2D da escola francesa Gobelins, onde nos mostran un acontecemento histórico propio da China da sexta década do século XX. Dirixida por Thomas CHARRA, Michaël CROUZAT, Kherveen DABYLALL, Denis DO e Gabriel JOLLY-MONGE, os animadores continúan ofrecendo grandes resultados, creando unha estética moi eficaz e lograda e traballando de xeito excelente os backgrounds.

20 de abril de 2010

"El Chico Mantarraya"

O Neno Mantarraia é un neno moi especial que un día descobre que ten moi bos amigos.

Pilar Barbeira preséntanos dende Uruguai esta nova aventura de títeres en stop-motion que acontece todo no medio marino. Nel vive o Neno Mantarraia, un inocente rapaz que nada sen parar e busca vivir novas experiencias... Mais ha de ter coidado, xa que nos sitios máis insospeitados pódese agachar o perigo... Menos mal que coa axuda dos seus amigos, non ten nada que temer.

Joli Dragon: sempre con precaución

Spot para o Día da Sida Pierre atopa a Juliete, ambos gústanse e adican a pasar un bo anaco... mais parece ser que Pierre ten algún problema que outro para usar o condón... acadarán o seu obxectivo?

Inma Carpe continúa amosando as súas obras de animación en Animacam. Nesta ocasión presenta este curioso spot para o Día do Sida, unha campaña da Comunidade Valenciana do ano 2003. Producido por SAn Carles animation department, a animadora non deixa de sorprendernos coa multitude e variedade de rexistros cos que pode traballar.

19 de abril de 2010

No final da Terra...

A xente máis común vivas nas condicións menos comúns- no cumio máis picudo da montaña. As súas vidas convértense en perigosas, mais... están acostumados a elo.

O mestre de animación rusa Konstantin Bronzit, preséntanos esta obra en tradicional 2D, na cal conta as aventuras e desventuras que vive unha muller anciá do campo no alto dunha picuda colina, como é a súa vida diaria e nas embarazosas situacións nas que se ve envolta. Konstantin, nacido en Leningrado en 1965, gañou numerosos premios en festivais de renome coas súas obras, estando nominado ao Oscar nunha ocasión, á mellor curtametraxe de animación.

16 de abril de 2010

Dámoslle a benvida á fin de semana con novas estreas!

Hoxe, venres 16 de abril, presentamos outras novas cinco obras de animación, que participan en Animacam nesta Terceira Edición. Autores y autoras de tódalas idades (noveis e veteranos), empregando as diferentes técnicas de animación ao servizo da súa imaxinación e contando historias impactantes, frescas e imprevisíbeis.

O experimentador animador ruso Konstantin Bronzit, comparte connosco unha obra en 2D tradicional do ano 1998: At the ends of the Earth, acerca da vida cotiá dunha muller anciá. A escola francesa Gobelins continúa compartindo obras de animación connosco. Esta semana estréase Le Ruban, unha historia sobre un home capturado na China dos anos sesenta. Inma Carpe, gañadora na Segunda Edición coa súa obra en Retrospectiva, In the winter palace, presenta Joli Dragon, unha animación en 2D creada para un spot da campaña contra o SIDA. En dende Sudamérica, chéganos unha curiosa animación que mistura imaxe real con 2D por ordenador: Mimo de Nahuel Pazos, como tamén a obra uruguaia de Pilar Barbeira, El chico Mantarraya, sobre un rapaz que descobre que ten máis amigos dos que imaxinaba.

Camiñando para animarse e sentirse ben...





A Asociación de Enfermos de Parkinson de Inicio Temprano (EPIT) realiza un novo proxecto neste ano Xacobeo no cal os seus integrantes realizarán o Camiño de Santiago. Percorrendo tramos a pé e alternando co apoio de autobús, estes vídeos presentados en Animacam, mostran o seu proxecto, desenvolvido neste mes de Abril, finalizándoo o pasado día 11 de abril, Día Internacional do Parkinson.

14 de abril de 2010

Curros Enríquez volve a pasear por Celanova

Baseada no poema "Nouturnio" do escritor celanovés Manuel Curros Enríquez, a curta conta a historia dun vello condenado a abandonar o seu fogar para afrontar o "nouturnio" da súa vida. Poida que algún día atopes a ese vello no camiño...

Nouturnio de Celanova é a primeira obra de animación galega que se presenta a esta III edición de Animacam. Nominada aos Premios Mestre coma mellor curtametraxe de animación, este logradísimo 3D conta a historia dun vello que, afogado pola mala situación económica e as desgrazas persoais, ten que abandonar o seu fogar e ir polo mundo a pedir. Dirixida por Raúl G. Pérez, a obra segue os pasos de Curros Enríquez, quen recorre todas as paraxes da ourensá vila de Celanova. O encargado de musicar o filme foi Luis Emilio Batallán coa canción "Nouturnio", incluída no seu disco "Aí vén o maio".

Fragmento do poema Nouturnio de Curros Enríquez.


"Da aldea lonxana
fumegan as tellas;
detrás dos petoutos

vai póndose o sol;
retornan prós eidos
coa noite as ovellas
tiscando nas beiras
o céspede mol."
(Curros Enríquez)

13 de abril de 2010

A fantasía do lobo Fenrir

Durmindo durante un milenio baixo as raíces da árbore Ygdrasil, o lobo Fenrir é espertado polos raios do sol. Enfurecido por ver interrumpido o seu sono, logra liberarse das raíces e sube á árbore. Dende a copa, tenta atacar ao Sol, sen darse de conta de que detrás, hai un heroe agardando.

A fantasía retorna a Animacam da man dos artistas da escola francesa Gobelins, que nos presenta esta nova cortiniña para Annecy sobre o mítico lobo Fenrir, vástago da unión de deuses da mitoloxía nórdica, feroz e inquisitivo, esperta dun profundo soño logo de levar miles de anos atado.
Dirixida por Nuno Alves Rodrigues, Oussama Bouacheria, Alice Dieudonné, Aymeric Kevin e Ulysse Malassagne, os franceses preséntanos esta obra fantástica en 2D tradicional ao Festival Animacam.

Chamuyo de Alberta Mazzini

Representando o intento de conquista nun bar

A artista arxentina Albertina Mazzini traénos Chamuyo na categoría Retrospectiva cun interesante trazado a pincel, dotanto á animación do clásico formato de lienzo (liñas negras sobre fondo branco). A autora mostra diferentes situacións de conquista, de logro por acadar un fin: a conquista amorosa, a conquista lúdica, a conquista depredadora e dietética... Diferentes conquistas, diferentes situacións e diferentes protagonistas, nesta obra presentada a Animacam.

9 de abril de 2010

Este venres estamos de estrea!


Tras disfrutar dunha semana completa con cinco películas nas cales contemplábamos diferentes rexistros: historias curiosas que abarcaban dende as lendas tradicionais ata as as técnicas máis anovadoras e modernas, procedentes de todas as partes do globo; hoxe venres, queremos obsequiarvos con dúas estreas máis: dúas obras de animación en 2D para que contedes cunha fin de semana do máis ledo.

Albertina Mazzini presenta unha nova obra en Animacam: Chamuyo. E os franceses de Gobelins presentan unha nova cortiniña para Annecy: Fenrir. Boa fin de semana e a disfrutar!

El Birque (génesis)


A historia transcorre en 7 días, encerra a vida e entrega do artesán a súa obra.

Juan Manuel Costa preséntanos dende Arxentina outra obra en Animacam. Dentro do xénero das adaptacións literarias e competindo na categoría de animación retrospectiva, realizado coa técnica de Stop Motion cóntanos a historia dun artesán moi perseverante.

8 de abril de 2010

Nuvole, Mani


A medida que cruzamos o campo, mimetizámonos coas flores amarelas e a saliva do cuco.

Simone Massi preséntanos dende Italia esta nova obra dramática en Animacam. Coa utilización da tradicional técnica de animación 2D compite na sempre difícil categoría da Cortometraxe con esta impresionante obra.

7 de abril de 2010

Fágao vostede mesmo



Se vostede non viola dereitos humanos de alguén durante un tempo, vostede probablemente non está a facer o seu traballo.

Eric Ledune presenta unha interesante obra retrospectiva dende Bélxica. Nesta historia utiliza a técnica experimental e participa na sempre difícil categoría de animación retrospectiva.