Nesta recta final da fase de recepción de obras a Concurso, presentamos o último venres do trinque antes do inicio da votación do público, para dar benvida a un fin de semana que tamén estará cargado de estreas animadas. Este venres presentamos cinco, si, cinco animacións para todos os públicos, contando con obras realizadas en stop-motion, plastilina e 2D, incluíndo obras con mestura de técnicas, con argumentos e construcións experimentais. Hoxe, presentamos obras chegadas desde España, Grecia, Singapura e Noruega.
O estudo galego Artefacto Producións presenta unha das súas máis laureadas producións de plastilina: O coidador de gatos. Dirixida por Fernando Cortizo, esta obra narra a historia dun home cunha rutina aburrida e soporífera que se ve recompensada cando ao saír do seu traballo, alimenta aos gatos das rúas de Pontevedra. Ilias Sounas repite participación en Animacam, tras resultar gañador na Primeira Edición de Animacam coa súa obra Space Alone, presenta unha nova animación en 2D por computador: Happy Cloud, unha animación alegórica feliz para o amor e a esperanza, centrada na procura da alma xemelga, que moitas veces está máis próxima do que pensamos. The snail of the slope é un dos novos traballos chegados desde Singapura da man de Vladimir Todorovic, é unha película baseada nun libro do mesmo título polos irmáns Strugatsky. A novela está ambientada nun planeta descoñecido, onde os humanos teñen unha base desde a cal se están investigando e tratando de conquistar o Bosque.
Gabriel Fco Salinas Aguero, é un animador español especializado na creación e procura de novas tendencias audiovisuais. Nesta ocasión, presenta a esta Terceira Edición de Animacam a súa obra Subterfugios y placebos, unha procura onírica e unha experimentación audiovisual que a partir dun texto poético, tenta representar as sensacións do mesmo creando un universo a base de sentimentos , con estética pop e surrealista. Finalmente, os irmáns noruegueses de Tanjets Films, Erik e Runne Eriksson, mostra un novo clip multimedia, con ton de humor que narra como foi o gol da Man de Deus de Diego Armando Maradona nos cuartos de final da Copa Mundial de Fútbol de México ´86 que enfrontaba a Arxentina contra Inglaterra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario