24 de septiembre de 2010

325 filmes de 66 países participan en Animacam.tv 2010

Rematado o prazo de Recepción de Filmes, dende hoxe ata o 23 de outubro, Público de todo o mundo, mediante a emisión do voto Online, decidirá as 3 películas gañadoras. Os participantes optarán a tres premios de 2.000€ cada un, dentro das tres Categorías a Concurso (Curtametraxe, Multimedia e Retrospectiva), do único Festival Internacional de Animación Online, con sede en Ourense e patrocinado pola entidade XACOBEO S.A., a través do ciclo Xacobeo Filme.

Nesta III Edición Concursan 325 filmes de 200 Directores procedentes de 66 países dos cinco continentes (Alemaña, Armenia, Arxelia, Arxentina, Australia, Austria, Azerbaixán, Bélxica, Bolivia, Bosnia Herzegovina, Brasil, Bulgaria, Canadá, Chile, China, Colombia, Corea do Sur, Croacia, Cuba, Dinamarca, Ecuador, Eslovenia, España, Estados Unidos, Estonia, Exipto, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, India, Irán, Irlanda, Israel, Italia, Kenia, Lituania, Marrocos, México, Moldavia, Nixeria, Noruega, Nova Celandia, Países Baixos, Panamá, Polonia, Portugal, Perú, Reino Unido, República Checa, República do Congo, Romanía, Rusia, Serbia, Singapur, Suecia, Suiza, Taiwán, Turquía, Ucraína, Uruguai, Uzbekistán, Venezuela, Xapón e Xordania).

As Temáticas das películas foron variadas e plurais
: a denuncia social en contra das guerras, da represión, da violencia e do o racismo, os medos, as fobias e temores persoais, as relacións de familia e parella, etc. Este ano tampouco faltou o humor satírico e burlesco, contrariado pola actual situación de crise e os dramas sociais persoais propios da vida cotiá. Tamén destaca a alta cantidade de proxectos que expresan a súa mensaxe a través de poemas visuais, na pescuda de dotar á imaxe da máxima expresión artística.


Os Autores das animacións conforman un amplo e diverso abano de idades e traxectorias:
desde novos realizadores que están a dar os seus primeiros pasos, pasando por consagrados profesionais da industria mundial (como B.R.B. Internacional, creadora de fitos dos debuxos animados como David O Gnomo, Sandokán ou Mortadelo e Filemón), ata veteranos en activo de Centroamérica (Joaquín Carrasquilla desde Panamá) e Europa (o italiano Federico Anastasi). Entre outras moitas obras salientabeis, participan, a nominada ao Oscar de Hollywood 2010 e gañadora do Goya á mellor curtametraxe de animación “La dama y la muerte”- producida por Antonio Banderas; e o documental do grupo Divulgare da Universidade de Vigo baixo o título “A importancia dos lagartos nos sistemas insulares” (xa Oscar científico outorgado pola revista The Scientist), baseado nun estudo realizado no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Con este filme, a Presenza Galega suma un total de 16 obras a Competición Oficial, de entre as 112 españolas.

Asímesmo, o Festival conta coa participación de alumnos de prestixiosas escolas de formación de animación de Europa (caso de Gobelins, École de Image de Francia) e América (como Vancouver Animation School de Canadá).


A Edición 2010 Estreou a Concurso, por primeira vez na historia dun Festival deste tipo, Debuxos Animados Feitos por Nenos
. Este, é o caso de PDA (Pequeños Dibujos Animados), iniciativa catalana que percorre diferentes puntos do planeta para realizar películas de debuxos animados con nenos de entre 8 e 12 anos. Dende o Reino Unido, chegaron tamén dous filmes feitos por nenos de 4º de Primaria, dirixidos polo animador David Bunting; e dende Galicia, os alumnos de 4º da ESO do IES Pino Manso de O Porriño, desenvolveron en 2D tradicional unha curtametraxe que está en proceso de postproducción, conducida polo seu titor Carlos Lago, profesor de Educación Plástica.


A presenza de Mulleres Animadoras, este terceiro ano, foi moi notoria
: mentres que no 2008 (data da 1ª Edición) a representación feminina limitouse a cinco animadoras, nesta Terceira son máis de cincuenta as autoras que amosan obras, tanto consagradas figuras do panorama europeo como a francesa Monique Renault, ou a española María Lorenzo, como noveles de Irán (casos de Maryam Khalilzade e Azadeh Moezzi).


Ourense, 24/09/2010

Moitas gracias polo voso apoio!
EQUIPO ANIMACAM.TV
Telf/ +34 649126630
www.animacam.tv
animacam@animacam.tv

No hay comentarios:

Publicar un comentario