Unha semana máis, continuamos comezando un luns con novas estreas de obras de animación procedentes de diferentes partes do globo, debido á inxente cantidade de proxectos que se presentan nesta Terceira Edición de Animacam. A falta de quince días para finalizar a fase de recepción de obras a Competición Oficial, e iniciarse a fase de votación por parte do público. Mestura de técnicas, novas experiencias en collage, combinando técnicas clásicas con novos mecanismos para lograr impactar ao espectador. Esta semana chégannos obras desde Francia, España, Estados Unidos, China e Alemaña.
Os experimentados animadores David Alapont e Luis Briceno presentan Fard, unha curtametraxe dunha estética visual anovadora, encadrada nunha historia futurista que nos presenta un universo subterráneo e escuro moi pouco esperanzador. A animadora estadounidense Molly Allis participa en Animacam con Pilgrim, your heart is a ball of light; unha obra que a través da combinación de 2D, 3D e stop-motion busca transmitir ao espectador, sensacións e sentimentos relacionados co contorno e o medio no que estamos inmersos. Desde China, o novísimo animador Xiapeng, preséntanos un movemento taoísta a través de figuras e imaxes animadas en Liezi - considerado un dos tres textos principais da escola (os outros dous son o Dao De Jing e o Zhuangzi)-.
O laboratorio de Ecoloxía e Evolución de plantas e o Grupo Divulgare da Universidade de Vigo presentan en Animacam unha serie de documentais 3D co obxecto de difundir e divulgar de modo didáctico para escolas, universidades e centros de formación, vídeos documentais con afán formativo e instructivo. Nesta ocasión, e baixo a batuta de Luis Navarro, preséntannos A importancia dos lagartos nos sistemas insulares, baseado nun estudo realizado no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Por último, o alemán Oliver Kling preséntanos unha simpática comedia seriada protagonizada por unha serie de legumes, froitas e hortalizas. O Dr. Banana é o médico de cabeceira que encabeza unha expedición cara a unha tribo indíxena que inxeriu un batido en mal estado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario