Era un día de traballo na oficina, co clásico e rutinario axetreo diario e os sobresaltos, afogos e vaivéns deste apaixonante oficio. De súpeto, recibimos unha chamada na que nos confirman que Serxio González, un dos gañadores do noso Foro do Pelegrín, estaba do Bono Iacobus: esa semana en casas de turismo rural, realizando o Camiño de Santiago pola Vía da Prata dende Monterrei, acompañado polo seu amigo e compañeiro Carlos.
Puxémonos en contato con Serxio. Respostou ao teléfono coa súa característica simpatía e amabilidade e comentounos que ían facer noite na Casa Grande de Augas Santas, en Allariz. Lamentabelmente, non nos foi posíbel acodir á cita e finalmente, á seguinte etapa, que levaba aos camiñantes ata Coles, puidemos compartir unha charla do máis amigabel e marabillosa. Contáronnos as súas vivencias no Camiño, coma foron as súas noites nesta semana correspondente ao Bono Iacobus e tamén anédotas e experiencias persoais que ilustraron un marco formidable no cal estabamos enmarcados.
É fascinante coñecer a persoas con esa alegría, esa mirada e sorriso cara a vida, unha verdadeira virtude nos tempos que corren. Porque sen humor estamos perdidos, tanto Serxio como Carlos, emanan sorrisos e boa conversa a raudales.
En canto a súa experiencia no Camiño, Serxio destaca:
"O máis fermoso do Camiño é a vivencia e o contato co resto dos camiñantes. Coñeces xente extraordinaria coa compartes a túa experiencia. Parece que fas unha viaxe arredor do mundo cando en realidade estás soamente nun sitio." "Ao fin e ao cabo é coma o Camiño da vida: atoparaste xente boa e xente mala, lugares máis fermosos e outros que menos, pero sempre hai que seguires camiñando."
No hay comentarios:
Publicar un comentario