
Os experimentados animadores David Alapont e Luis Briceno presentan Fard, unha curtametraxe dunha estética visual anovadora, encadrada nunha historia futurista que nos presenta un universo subterráneo e escuro moi pouco esperanzador. A animadora estadounidense Molly Allis participa en Animacam con Pilgrim, your heart is a ball of light; unha obra que a través da combinación de 2D, 3D e stop-motion busca transmitir ao espectador, sensacións e sentimentos relacionados co contorno e o medio no que estamos inmersos. Desde China, o novísimo animador Xiapeng, preséntanos un movemento taoísta a través de figuras e imaxes animadas en Liezi - considerado un dos tres textos principais da escola (os outros dous son o Dao De Jing e o Zhuangzi)-.
O laboratorio de Ecoloxía e Evolución de plantas e o Grupo Divulgare da Universidade de Vigo presentan en Animacam unha serie de documentais 3D co obxecto de difundir e divulgar de modo didáctico para escolas, universidades e centros de formación, vídeos documentais con afán formativo e instructivo. Nesta ocasión, e baixo a batuta de Luis Navarro, preséntannos A importancia dos lagartos nos sistemas insulares, baseado nun estudo realizado no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Por último, o alemán Oliver Kling preséntanos unha simpática comedia seriada protagonizada por unha serie de legumes, froitas e hortalizas. O Dr. Banana é o médico de cabeceira que encabeza unha expedición cara a unha tribo indíxena que inxeriu un batido en mal estado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario