24 de octubre de 2011

Grandes obras da animación arxentina, rumana e alemana lucen na carteleira de Animacam 2011


Para comezar a semana o Festival Animacam ten o inmenso pracer de presentarche grandes obras da animación Internacional que competirán polos premios das súas respectivas categorías na IV edición do festival.

Dende Arxentina, para a categoría curtametraxe e da man dos directores Daniel Jervis, Javier Inga e Ricardo Jurado, chéganos unha divertidísima e elaborada curtametraxe de animación que desmontará todas as teorías mitolóxicas clásicas. Non te perdas esta interesantísima obra, "Mitologia", que che fará pasar un intre moi divertido.

Nesta categoría estará acompañado por unha máis que interesante obra de animación que nos chega dende Romanía por cortesía de Cristina Zoica Dumitru, "It´s a living". Unha divertida proposta que nos porá na pel dun coidadoso ladrón que talvez non o sexa tanto. Descobre o que esta obra nos ofrece.

Na categoría retrospectiva a prestixiosa Jessica Cheeseman , agasállanos con tres pequenas obras que nos mostran unha interesante proposta da escola xermano- polaca de animación. Dende Londres fainos chegar "Point of View"," A brillant Idea" e "What´s he got?". Desfrutade destas achegas.

E para finalizar, tamén na categoría retrospectiva, unha moi elaborada proposta que nos chega dos amigos de Trexel Studio, Arxentina. Baixo a dirección de Pablo Alberto Díaz, temos o inmenso pracer de presentarvos "Copia A", unha divertida proposta animada que vos fará gozar co mellor da Animación arxentina.

E así pechamos un novo luns, lembrándovos que o vindeiro mércores poderedes desfrutar de novas estreas na carteleira máis animada.

Recibide os nosos mellores desexos !!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario