Desta vez, comezamos o luns con cinco novas animacións de diferentes técnicas, cheas de colorido e aventura, encadradas nun marco incomparable, con anteriores participantes e novas propostas animadas, dende países de Europa, Norteamérica e Asia: España, Irán, Holanda, Estados Unidos e Rusia.
Jason Oshman, gañador na Segunda Edición de Animacam na categoría Ópera Prima coa súa obra A modest proposal, volve a participar nesta Terceira Edición con Ping: unha historia de peculiares robots que viven encerrados nunha cárcere. Alex Budovskiy presenta unha nova a Animacam, tras participar coas obras sobre a vinganza dos cucos e diversos vídeos multimedia no seu particular flash en branco e negro, amósanos unha animación no mesmo estilo co título The Royal Nightmare, presente e galardonada en diversos festivais e mostras de todo o mundo. Retorna tamén a animadora Yalda Nasirian de Irán, presentando a vida cotiá e real a través dun Reel que realizou xunto con Samir Abdi.
Dende o País Vasco, chega unha curiosa e divertida animación nun particular stop-motion que ten como protagonista a Puri, unha surfeira xubilada que fará o que sexa para coller as ondas coa súa táboa. Finalmente, dende Holanda, Yaniv Wolf amósanos o videoclip When I Am King, realizado nun traballadísimo stop-motion con cartón, no cal se empregan obxectos reais como o fío de calcetar. A canción de Tim Knol está perfectamente acompasada coa animación de Yaniv.
No hay comentarios:
Publicar un comentario