6 de octubre de 2009

O soldadiño e o Cigarrón loitan pola bailarina

Teñen vixencia os contos clásicos nos nosos días? É posible reinventar a Andersen?
Na adaptación de ‘O soldadiño de chumbo’, o relato é trasladado a escenarios máis próximos aos máis novos, de xeito que poidan sentirse identificados e lles axude a reflexionar, pero sobre todo, a gozar cunha das historias de amor máis fermosas que permaneceu ao longo do tempo...

Un paquete chega ao Museo Galego do Xoguete de Allariz. Trátase dunha doazón anónima. O encargado do museo ao abrir o paquete atópase cun pequeno soldadiño de chumbo sen unha perna. Cólleo con moita delicadeza e o leva até unha acolledora sala do museo, onde se pode observar unha cheminea de ferro no centro. A sala está chea de andeis repletos de xoguetes. O encargado faille sitio e colócao xunto a outras figuritas de chumbo. Pola noite, cando xa non hai ninguén no interior do museo, os xoguetes cobran vida e saúdan ao recentemente chegado. O Soldadiño responde con amabilidade e observa todo o que ten ao redor, chamando de súpeto a súa atención un brillo cegador ao lonxe: é unha bailarina situada noutro andel máis alto para evitar ser tocada polos nenos, pola súa extrema delicadeza. O brillo provócao un brillante que colga do seu pescozo.

O Soldadiño namórase inmediatamente da bailarina e a súa única meta será a de atopar a fórmula para chegar até ela, o que resultará unha tarefa complicada xa que conta cun claro opositor: o Cigarrón, outro personaxe do Museo que ten as mesmas intencións e que tratará por todos os medios de desfacerse do seu adversario.

Un filme animado dirixido por Virginia Curiá e Tomás Conde e producido por Continental, realizou a súa estrea o ano pasado no Museo do Xoguete de Allariz, e onte foi emitido no programa sobre cinema da Televisión de Galicia, Onda Curta. Coas coñecidísimas voces de Luis Piedrahita no papel de soldadiño e Manuel Manquiña coma o Cigarrón, esta doce historia cobra vida ao verdadeiro amor en forma de xoguete e plastilina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario