4 de noviembre de 2011

Gran semana da animación en Animacam con diversas propostas internacionais que poderedes gozar na carteleira máis animada.

 Sete novas animacións que se unen as sete estreas do pasado mércores para formar un máis que atractivo elenco de posibilidades para todos os públicos dentro do festival máis animado.

A aposta de Supinfocom 2010 en curtametraxe únese a unha máis que atractiva oferta en multimedia para agasallar a todos os públicos cuns amenos intres na compaña da mellor animación internacional de 2010 e 2011.

E como é habitual, comezaremos as presentacións coas obras de Supinfocom 2010:

A proposta máis natural chéganos coa obra "D´unha rare crudite", onde se nos mostra a vida dun colorista xardín baixo a expresividade dunha máis que interesante animación. 

Enxalzando unha depurada técnica en 3D, "Fly me Out" achéganos unha tenra historia de dous nenos na busca dunha fuxida, na busca da liberdade, na busca de voar.

O toque máis terrorífico chéganos con "Hambuster". Outra película de zombies?, non. A mellor ambientación ao máis puro estilo Resident Evil nesta fascinante historia de animación que non vos deixará indiferentes.

Para os máis pequenos, temos unha gran aposta con "Hezarfen", onde varios alumnos de Supinfocom, móstrannos unha divertida historia nun bazar, con marcadas reminiscencias ao Aladín de Disney. Un gran traballo dos amigos da Escola Superior de Animación Supinfocom!

Un toque colorista e extremadamente xenial chéganos con "Matatoro", unha épica apelación á cultura taurina cargada de máxica poesía nunha das obras máis coloristas desta cuarta edición de Animacam. Con tinguiduras de Picaso a Dalí, non debedes perdervos baixo ningún concepto esta grandísima achega dos alumnos de Supinfocom.

Con "Maximall" móstrasenos un filme cheo de intriga, caracterizado por unha gran ambientación e depuradísima técnica que nos achega un thriller no que un mozo tenta fuxir dun centro comercial mentres é atacado por todo obxecto que alí habitan. Non te perdas un momento rebosante de emoción con esta magnífica curta animada.

Unha das máis divertidas e dinámicas aventuras de Animacam, chéganos baixo o título de "Meet Buck", unha cómica e trepidante persecución por parte do pai dunha noiva en busca do seu trofeo de caza.

Entra nunha peculiar clínica de adelgazamento para vivir o amor de dous noivos con "Slim Time", un estudado filme de animación que vos fará pensar.

Supinfocom presenta dúas arte visuais para a categoría multimedia que vos mostrarán ás claras a gran a calidade que atesoura esta prestixiosa escola de animación. Se unha imaxe vale máis que mil palabras, pasen e vexan estas grandes ofertas: "Split" e "Telegraphics"

Para continuar coa oferta en multimedia e retrospectiva temos o inmenso pracer de presentarvos catro grandes achegas:

Dende Rusia, Marina Moshkova agasállanos con "Duality", un mix Stopmotion de imaxe real con 2D, que nos mostra a loita interna das dúas partes dun ser. Non te perdas esta gran achega que nos envía Marina.

Dende España cunha depurada beleza visual, acompañada dunha grandísima ambientación musical, temos un vídeoarte cortesía de Eila Pérez Vázquez e Clara Pisón López, que nos achegan un grande traballo de coidadísima e estudada elaboración, "Heteorotopías". Parabéns por esta obra amigas Eila e Clara. 

Un novo clip musical que nos chega dende Holanda da man de Job Roggeveen, Joris Oprins e Marieke Blaauw, que pon en escena o tema "Born with Bothered Mind" do prestixioso grupo "Happy Camper".

E dende España, para todos os públicos, a historia da última innovación de Skynet: "T-1200". Unha divertida obra en 3D do noso amigo Hicham Bouzahzah, que a recado vos fará pasar un divertido momento animado.

E isto é todo por esta semana amigos, o luns novos estreas internacionais de todos os recunchos do planeta no festival máis animado.

Feliz fin de semana!!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario